AS NOSAS PEZAS

PERCORREMOS GALICIA
PARA RECOLLER A NOSA CULTURA

Muiñeira e Xota
de Folgoso

Recollida na parroquia de Folgoso, concello de Cercedo (Pontevedra). Destaca a elegancia e bo facer das mulleres que, con aire refinado, seguen as pautas marcadas polo guía.

VER VÍDEO

Muiñeira e Xota
de Xeixos

Recollida polos compoñentes da Agrupación Folclórica Colexiata do Sar no lugar de Xeixos, concello de Trazo (A Coruña), onde o señor Eduardo tivo a ben mostrarnos os puntos e voltas que posteriormente recreamos, conservando o seu xeito e estilo propio. A peza arranca cunha introducción por parellas.

VER VÍDEO

Muiñeira de Cabaleiros e
Maneo de Vilabade

A Muiñeira foi recollida na parroquia de Cabaleiros, moi preto de Bembibre, no concello de Val do Dubra (A Coruña). Pola súa parte, o Maneo recolleuse no lugar de Vilabade, pertencente á mesma parroquia. Por proximidade, as xentes do lugar acostumaban a bailalas xuntas, de aí que se exhiban os dous bailes dentro da mesma peza.

VER VÍDEO

 
 

Muiñeira
de Sabaxáns

Recollida na parroquia de Sabaxáns, concello de Mondaríz (Pontevedra). Acompañan ás gaitas as voces femininas, que marcan o remate da peza cun canto a capela.

Xota de Ameixenda
de Cee

Como o seu propio nome indica, esta peza foi recollida na parroquia de Ameixenda, concello de Cee (A Coruña). Trátase dunha peza moi vistosa, polas marcadas paradas que o guía obriga a realizar ao resto dos bailadores.

Muiñeira e Xota
de Abelenda

Recollida na parroquia de Abelenda, preto do concello de Avión (Ourense). Acompáñase polo fermoso e rítmico canto das cantareiras, con música leda e retrouso repetitivo. Mestúranse nesta peza a elegancia pausada do baile feminino coa dureza do masculino.

VER VÍDEO

 
 

Xota
de Gonte

Recollida na parroquia de Gonte, concello de Negreira, moi preto de Santiago de Compostela (A Coruña). A música que acompaña este baile tamén procede da provincia de A Coruña, concretamente do concello de Ordes.

Ruada Portuguesa
de Bembibre

Recollida na parroquia de Bembibre, concello de Val do Dubra, preto de Santiago de Compostela (A Coruña). A primeira parte da peza está acompañada por cantareiras, que cantan coplas traídas polos emigrantes portugueses que poblaron a zona.

Muiñeira
Carballesa

Recollida en Pobra de Brollón a anciáns procedentes do Incio, cuna por excelencia das carballesas. Ainda que conserva a coreografía típica das carballesas, sempre en roda, os puntos perderon xa a influencia nativa.

 
 

Xota
de Laxoso

Recollida na vila de Laxoso, concello de Pontecaldelas (Pontevedra). Na zona coñécese como o «Baile dos vellos», polo bailar pausado, sen apenas levantar os pés do chan e suplindo saltos e voltas por movementos moi marcados.

VER VÍDEO

Muiñeira e Xota
de Gondar

Recollida na parroquia de Gondar (Lugo). Destaca o movemento dos brazos das mulleres mentres realizan o picado, e as voltas medidas que marcan o remate do picado da xota.

VER VÍDEO

Muiñeira
da Cañiza

Recollida no lugar de Gundián, na Cañiza (Pontevedra), a persoas de diferentes aldeas da zona. Destaca o final de cada punto que o guía marca cos pés xuntos, e que reproducen o resto de bailadores e bailadoras.

VER VÍDEO

 
 

Xota
de Fisterra

Recollida na aldea de Duio, en Fisterra (A Coruña). Os seus puntos caracterízanse por ser arrastrados, sobre todo nas mulleres.

VER VÍDEO

Muiñeira de San Brais
(San Blas)

Recollida na parroquia de Sar (Santiago de Compostela) e vinculada á festividade de San Brais, que se celebra os días 3 de febreiro. A tradición remóntase á Idade Media, e existe documentación histórica que recolle que, durante a misa celebrada en honor ao Santo, unha confraría do barrio brindáballe unha danza para pedirlle protección. A coreografía foi adaptada por José Luis Míguez Abucide e arranxada posteriormente por Rafael Sexto Alende, con quen cobra ritmo e vistosidade. O vestiario de gala, elaborado e bordado a man fai case corenta anos, caracterízase por un colorido que resalta a elegancia da peza.

VER VÍDEO

Tecidos, cores, sons e movementos
que dan vida a unha tradición

  • Agrupación Folclórica Colexiata do Sar - 03 / 08 / 2004

  • Agrupación Folclórica Colexiata do Sar - 03 / 08 / 2004

  • Agrupación Folclórica Colexiata do Sar - 03 / 08 / 2004

  • Agrupación Folclórica Colexiata do Sar - 03 / 08 / 2004

  • Xornadas de Folclore Galego (Santiago de Compostela, 2008)

  • Recepción á Súa Santidade o Papa Benedicto XVI (Santiago de Compostela, 2010)

  • Xornadas de Folclore Galego (Santiago de Compostela, 2010)

  • Agrupación Folclórica Colexiata do Sar - 03 / 08 / 2004

  • Agrupación Folclórica Colexiata do Sar - 03 / 08 / 2004

  • Agrupación Folclórica Colexiata do Sar - 03 / 08 / 2004