19 / 11 / 2019

MARÍA XOSÉ LÓPEZ, NOVA DIRECTORA
DO ORFEÓN TRADICIONAL
COLEXIATA DO SAR

É un pracer anunciarvos que, desde o pasado mes de outubro, o Orfeón Tradicional Colexiata do Sar conta con nova directora. Trátase de María Xosé López, artista e docente cunha extensa e recoñecida traxectoria vinculada á música tradicional, a arte dramática e a cultura galega. Sen dúbida, a súa ampla experiencia e coñecemento axudaranos a sacar o mellor de tod@s @s que integramos este proxecto ilusionante e apaixonante, nacido no ano 2014 no seo da Agrupación Folclórica Colexiata do Sar.

María Xosé López, nueva directora del Orfeón Tradicional Colexiata do Sar

María Xosé López iniciou o seu percorrido na música tradicional en 1976, como alumna no Conservatorio de Vigo e da man do mestre gaiteiro Henrique Otero. Posteriormente formou parte da banda Raigames e, tras a súa disolución, continuou a súa actividade musical no grupo Muxicas, do que formou parte desde 1987 ata 1997. Nel desenvolveuse como gaiteira, zanfonista cantora e compositora, gravando catro discos: «O Demo Fungón» (1988), «Desafinaturum» (1990), «Escoitando medra-la herba» (1992) e «No colo do vento» (1996).

En paralelo a Muxicas desenvolveu outras iniciativas como Anamoura, trío de zanfona, guitarra, voces e percusións que se mantivo activo ata o ano 2002. Con el gravou o disco «A chave do cerne» (1999), no que explora as posibilidades dos instrumentos implicados. En 2001 participou como cantora, zanfonista, gaiteira e produtora artística no disco «Rolada das cantigas», do grupo Na Virada, un proxecto sobre poetas galegos e portugueses artellado arredor das composicións musicais de Xico de Cariño. A finais do ano 2006 editaron o disco «Solaina», un proxecto multidisciplinar de cuxa produción tamén foi responsable. En 2014 colaborou como zanfoneira na gravación do disco «Tierra Alantre», do grupo portugués Rolda Ronda dos Quatro Caminhos, dedicado á música galega, trasmontana e minhota.

María Xosé participou como colaboradora musical en varios espectáculos teatrais: «A Mostra» (Tranvía Teatro, 1991), «Commedia, un xoguete para Goldoni» (Ollomoltranvía, 1993) e «Nau de amores» (1995) —obras dirixidas por Cándido Pazó—, «Chicho e a Santa Compaña» (Fulano, Mengano e Citrano, 2006), e o monólogo de Cándido Pazó «Historias tricolores, ou de cómo aqueles animaliños proclamaron a República» (2009). Así mesmo, no ano 2003 participou, xunto co actor Santi Prego, nun espectáculo de contacontos con música sobre o Camiño de Santiago, que levaron pola xeografía galega e por Polonia. Esta colaboración estendeuse durante tres anos, co espectáculo «Cantar do cego».

A súa ampla experiencia docente inclúe cursos de gaita e percusión en Centros Galegos, e a participación desde 1998 ata 2008 nos «Concertos para escolares» da asociación Gaiteiros da Xistra. Tamén impartiu aulas de gaita na escola de percusión «Toca Rufar» de O Seixal, na Associaçao Gilteatro de Alcochete, na la Associaçao Portoceltico, en Maia, en Famalicão e en diversos centros culturais e asociacións de Vigo e comarca. De 2008 a 2010 foi responsable da dirección musical dos «Maios» do Casco Vello de Vigo e, entre 2009 e 2016, da Rondalla Centro Cultural e Social de Herville. Ademais, foi directora do Coro Rociero da Casa de Andalucía de Vigo nos períodos 1987-1991 e 2006-2010.

Na actualidade, María desenvolve a súa actividade na segunda etapa da banda de gaitas Raigames, e como directora artística da banda de gaitas Breogán de Moaña e do grupo O Son do Río, que en breve presentará o seu primeiro traballo discográfico. Desde o mes de outubro de 2017, forma parte do equipo de dirección e redacción da páxina web Muxicas.com, na que é responsable da sección de partituras, encargándose da súa transcrición e difusión.

Benvida ao Orfeón Tradicional Colexiata do Sar!